---:::---   Actualizado:  06-06-2006   ---:::---

ALFARERÍA  DE  ORIGEN  JIMINIEGO  EN  RUBIÁ (VALDEORRAS)


Mesa Redonda "A represión na comarca de Valdeorras"    A finales del pasado mes de abril, con ocasión de asistir en O Barco de Valdeorras a una de las conferencias allí organizadas formando parte de las magníficas y exitosas "Xornadas da Memoria. O franquismo en Valdeorras", tuve ocasión de conocer, de modo harto casual, del asentamiento en el pueblo de Rubiá de aquella comarca, hace años, de una familia de alfareros procedente de nuestro pueblo, y que implantó aquí una industria alfarera que perduro y se mantuvo durante otros tantos años.

       De manera también azarosa había sabido hace algunos años de la implantación por motivos análogos de traslado allí de alguno de nuestros alfareros ("oleiros" les llaman en Galicia) de alfarería originaria de nuestro pueblo en el lugar de Los Castros, en Lugo. El amigo Porfirio Gordón nos ha contado también de su casual conocimiento no hace mucho tiempo del trasvase de nuestra alfarería a un pueblo de Segovia por otra de nuestras familias allí desplazada. Todos estos casos y situaciones forman parte de la amplia diáspora jiminiega esparcida a lo largo de los tiempos por tantos lugares, y estos, más concretamente. de la originada por los diferentes avatares que la alfareria en nuestro pueblo y los alfareros que la practicaban y de la cual ellos y sus familias vivían fueron soportando en el transcurso de los años.

        Volviendo a la comarca de Valdeorras, fue Gustavo Docampo, Técnico de Cultura del Concello de O Barco, quien nos informó de la existencia de la familia de "oleiros" descendiente de Jiménez de Jamuz en aquellas tierras (como también de otras dos ramas jiminiegas asentadas en esta villa: una de prósperos comerciantes hoy y antes cacharreros, de apellido Lobato y de más antiguo asentamiento, y otra de apellido Sanjuán y sin relación con la alfarería). También nos puso en la pista de sendos trabajos de investigación, de uno de los cuales fue autor, elaborados con ocasión de realizarse una exposición de Cerámica Popular de Valdeorras, y publicados en el número de mayo de 1996 de la Revista Raigame, de antropología cultural y tradiciones, editada durante algunos años por la Diputación Provincial de Ourense. Sabemos también de la existencia de otro trabajo de investigación histórica (del que aún no disponemos) sobre la misma temática más extenso e inédito y propiciado por el Instituto de Estudios Valdeorreses. 

    Tiene para los naturales de nuestro pueblo el segundo de los artículos el interés añadido de conocer por el mismo de la peculiar alfarería de Portomourisco-O Seixo, de la que eran las mujeres ("oleiras") sus artesanas y protagonistas principales.

Estos son los dos trabajos referidos:

 


    Artesanía popular

Vellos cacharros para facer memoria           

 

        No Outono do ano pasado comezou a coller forma a idea de facer unha exposición sobre a antiga cerámica popular valdeorresa. Eran os primeiros pasos da Asociación Cultural Vía Nova, que se presentaba así, con intención de aportar compromiso coa cultura galega, nunha comarca na que escasean as propostas positivas a prol da normalización cultural e lingüistica, con capacidade para xenerar unha dinámica de autoestima a través do estudio e coñecemento de aquelo que nos é propio. Así pois, poucas cousas ían estar máis acaidas aos obxectivos de intervención sociocultural que o grupo se propón desde os inicios ca investigación e divulgación da olería tradicional que se facía en O Seixo, Portomourisco e Rubiá.

    Algúns membros do colectivo coñecían a existencia destes centros de oleiros e mesmo posuían interesantes pezas desa procedencia. Outros, maiormente os que adoptaron esta comarca como lugar de residencia e traballo, foron sorprendidos e cautivados polas creacións dos obradoiros cerámicos valdeorreses: interesantes pezas de louza antiga, utilitarias e fermosas, que son expresión dun xeito de vida, dunha cultura rural que xa é páxina do pasado, pero páxina ainda fresca e aberta á nosa curiosidade, na arela de explicarmos mellor o tempo de cambios que vivimos.

    Xusto é recoñecer que desde a exposición "Cerámica popular de Valdeorras" sabemos algo máis dun tema prácticamente inédito na nosa comarca. Por extraño que resulte, ninguén tiña feito antes en Valdeorras -que nós saibamos- un traballo de recollida, estudio e presentación pública, coa amplitude que agora se fixo, deste aspecto tan importante da nosa cultura popular. E con isto non queremos arrogarnos ningún tipo de protagonismo, nin reclamar inmerecidos loureiros, que, de habelos, serían para todos aqueles que tiveron a sensibilidade, a fortuna, ou as dúas cousas, de conservar as pezas de barro, algunhas de máis de cen anos, para poder seren coñecidas e admiradas hoxe por todos.

Louza de Portomourisco-O Seixo na exposición "Cerámica Popular de Valdeorras"    En todo este proceso foi de grande axuda a detallada obra de Luciano García Alén "La Alfarería de Galicia I e II" (Fundación Barrié de la Maza, 1983), e máis concretamente as súas certeiras alusións aos traballos das oleiras de O Seixo-Portomourisco e dos cacharreiros de Rubiá. A súa presencia na inauguración da mostra supuxo un estímulo e un recoñecemento ao traballo realizado que nos encheu de satisfacción.O traballo de campo deu un resultado moi superior ao que inicialmente se esperaba. A colaboración entusiasta dos xoves da Asociación "O Lagar" de A Veiga de Cascallá aportou unha parte significativa dos cacharros orixinais de Rubiá. Os alfares de Rubiá están máis próximos a nós no tempo, funcionaron ata os anos sesenta, o que fai que as pezas sexan máis abundantes e relativamente fáciles de conseguir. Sen embargo, o seu parentesco de primeiro grao coa cerámica de Jiménez de Jamuz, localidade leonesa da que procedían os cacharreiros que se instalan en Rubiá, fai que sexa máis complicada a súa identificación. Moitas veces é case imposible asegurar se unha determinada peza procede de Rubiá ou da súa "casa matriz" leonesa. Coas formas de O Seixo e Portomourisco, coincidentes entre sí, pasa o contrario. Ao seren creacións autóctonas teñen unhas características moi orixinais que as diferencian claramente. Ademais, a súa zona de estensión comercial non coincide coa de outras olerías semellantes (Gundibós por exemplo), que poidera inducir a error como. acontece no caso de Rubiá, que ten que competir en Valdeorras cos cacharreiros de Jiménez que venden practicamente as mes-mas formas aos almacéns de O Barco, A Rúa ou Lentellais. Sen embargo a louza negra de O Seixo-Portomourisco deixou de elaborarse a finais dos anos vinte e resulta máis difícil de atopar.

"Cacharros" de Rubiá.    As setenta pezas seleccionadas para a exposición son ben representativas das dúas correntes artesanais. Xunto a elas, unha ducia de paneis informativos e unha vintena de ampliacións fotográficas dos fondos que, destas cerámicas, ten o Museo Etnolóxico de Ribadavia, constituen un suxerente percorrido que invita á reflexión sobre a estética e a funcionalidade e ao reencontro coas antigas formas de vida no medio rural.

    Pero a exposición "Cerámica popular de Valdeorras", que acadou un notable éxito de público, levaba tamén, implícitos no seu cerne, outros obxectivos que sobrepasaban o simple carácter informativo consustancial a toda exposición. Quixo ser unha proposta didáctica para ser usada na escola pero o resultado non foi o apetecido. Confirmouse aquelo de que o estudio do medio, do entorno próximo, da nosa memoria comunitaria, seguen sendo, xunto coa normalización lingüística, a grande asignatura pendente da escola galega. Santiago Fernández (pai) facendo unha "cantarilla de sulfato"

    A exposición indica tamén o camiño para unha posible acción sociocultural nos concellos de Rubiá, O Bolo ou Petín, que poda conducir á recuperación destas actividades artesanais cunha finalidade cultural, pero tamén de promoción turística que dea pulo a unha economía local necesitada de incentivos. Resulta exemplar o resultado acadado en Jiménez de Jamuz, pobo situado a 3 kms de La Bañeza, desde o punto de vista da dinamización da vida local, coa posta en funcionamento do chamado "Museo-Alfar", un antigo obradoiro rehabilitado convertido nun museo vivo, conducido por un veterano alfareiro do pobo, que realiza e vende as formas tradicionais do lugar, e polo que pasan centos de visitantes.

    Por último toda esta experiencia puxo o dedo na chaga do que está sendo, desde o punto de vista cultural, unha das carencias máis inxustificadas da Terra de Valdeorras: un museo etnográfico comarcal. Un espacio no que se dispoñan, para seren visitados, todos os elementos que configuran o patrimonio material da comarca, antes de que sexa demasiado tarde.


Cerámica popular de Valdeorras

        ORIXES E EVOLUCIÓN HISTÓRICA DA OLERÍA TRADICIONAL GALEGA

    A Idade Media caracterizouse en todo Occidente por un estatus social composto por señores e campesiños. En Galicia, esa diferenciación persistiu dalgún xeito ata pleno século XX. Os grandes señores podían, durante a Idade Media, dispoñer de toda a ferramenta precisa nos seus fogares. Por este motivo, existían moitas ferrerías ou obradoiros por toda Galicia, que traballaban non só o ferro, senón tamén o granito, o acibeche, o estaño, etc.

    Pero toda esta producción ten un destino relixioso ou é consumida polos señores e pola alta burguesía. A maior parte da poboación galega, que era campesiña, non tiña ningún poder económico nin social, polo que a súa cultura material estaba a niveis de subsistencia, a súa cerámica era insignificante. Aínda no século XVIII a meirande parte do campesiñado galego non ten outra louza que a de madeira, sendo inaccesible para eles os obxectos de metal, nin tan sequera de ferro.

    O SEU PAPEL NA ECONOMÍA LABREGA.

    A pesares de que en pleno século XVIII, en Galicia persisten as estructuras feudais, que conlevan o acaparamento dos excedentes da producción campesiña, por parte dos señores. Pouco a pouco, irase pasando dunha economía de autoconsumo, pechada, a aparición de oficios artesanais que cubran, non só as propias necesidades (almacenamento da producción), senón que axudasen coa súa venda á economía familiar.

    Os labregos galegos coñecían dende moito antes do século XVIII as posibilidades da louza de barro que supoñía unha alternativa fronte ó metal e á madeira. Pero, non foi ata que os oleiros puideron producir cacharros de barro suficientes para abaratar os seus custos; cando coñecen as posibilidades plásticas do barro, e como facer a cocción para obter cerámica resistente, que o campesiño completa os seus escasos recursos coa axuda do oficio de oleiro.

    Ao mesmo tempo que se introducen novas técnicas que permiten perfeccionar o traballo artesanal no barro, os labregos e a baixa burguesía van aumentando a súa capacidade adquisitiva, posibilitando a compra ou o troco das pezas de cerámica. Pero tal melloría non foi posible no agro galego ata finais de século XIX

.     As aldeas de oleiros alcanzaron a súa maior expansión a finais do século XlX. É probable que os adiantos técnicos, que tamén fixeron prosperar a producción artesá, tivesen relación coa chegada doutros cacharreiros de áreas limítrofes, como foron os portugueses, os berciáns e da Bañeza, e tamén os cataláns, que chegaron a Galicia coas súas novas artes de pesca, para despois importar diversos productos, entre eles gran cantidade de louza.

    DOUS TIPOS NA OLERÍA GALEGA: DE TORNO BAIXO E DE TORNO ALTO

    En Valdeorras temos representados dous tipos de cerámica popular, ben diferenciados. Unha producíase en Portomourisco - O Seixo. E a outra en Rubiá.

    CENTROS DE CERÁMICA EN VALDEORRAS

    A CERÁMICA AUTÓCTONA DE PORTOMOURISCO - O SEIXO

    Portomourisco e O Seixo atópanse situados ao sureste da provincia de Ourense, entre o Xares e as montañas do Bolo. O Seixo está enclavado en plena serra, a maior altitude e polo tanto máis aillado que Portomourisco. Pero os dous pobos pertencen á mesma comarca e cabe supoñer, que mantiñan estreitas relacións pois é imposible distinguir hoxe que cacharros eran fabricados nun ou noutro núcleo de poboación.

    Xa a mediados do século XVlll, o Catastro do Marqués de la Ensenada recolle a existencia, en Portomourisco, de "fornos para cocer olas e estas fanas e cocen só mulleres". Cada un destes fornos producían xa uns beneficios anuais de 30 reais. Seguíuse producindo ata o ano 1.925 aproximadamente.

    En Portomourisco traballaban as mulleres en tornos baixos, nunha habitación ou na cociña da casa, sentadas nun tallo. Era un pobo de oleiras. As oleiras traballaban sobre todo, no verán. Os homes ían polo barro e pola leña para os fornos, enfornaban as olas e vendían os cacharros.

   Oleiras traballando no torno baixo, característico de O Seixo e Portomourisco.Na aldea do Seixo tiñan como medio principal de subsistencia a venda ou o troco da cerámica. Toda a aldea dedicábase a esta actividade. Todas as casas facían a súa fornada e se en algunha non sabían traballar o barro, chamaban a unha oleira para que lles preparase unha fornada. As olei-ras, eran pois moi apreciadas no Seixo pola importancia que tiñan para a súa economía.

 Os veciños de Portomourisco ían buscar o barro dentro da mesma parroquia. Os do Seixo non contaban con xacementos próximos e tiñan que traer o barro dende Freixido, Larouco, ou Chandoiro.

    Os homes recollían o barro de febreiro a marzo, para que o terreo non estivese moi duro. Con este fin limpiábase ben a área máis superficial, cavándose un gran burato, ou mina, sacándose o barro sen chegar a facer galerías subterráneas.

    Diferenciábanse tres calidades de barro, un máis rubio, que era menos plástico e máis resistente á calor; outro máis branco de maior plasticidade pero que estoupa coa calor; e un máis areoso. Destes barros mesturábanse distintas proporcións para obter a calidade precisa en cada ola.

    O barro era transportado en sacos, ó carrelo ou en burro. Despois botábase nun maseiro de madeira, en proporcións axeitadas e deixábase durante varios meses, coidando que non se luxase, humedecendoo con auga e picandoo coa aixada todos os días. "Antes de utilizalo, amásabase como se fose pan". Era un dos traballos máis costosos e duros

.     As oleiras traballaban no chan, no inverno nas casas e no verán fora delas.

    Os tornos son baixos e de pouco peso. Chamados rodas en toda a comarca pois constan dunha roda, duns 52 cms. de diámetro, feita de madeira de castiñeiro, que na súa parte inferior leva dúas madeiras en cruz, chamadas machos.

    Os machos, únense a roda por catro paus. No centro da cruz, leva un eixo sobre o que xira a roda durante o proceso de fabricar o cacharro.

    Para traballar no torno a oleira séntase nun tallo e un axudante, fronte a ela, movía a roda sentado en algo máis baixo. Ás veces o axudante era un neno que logo era premiado cun xoguete, que lle facía a oleira, de barro. "Lembro que de pequena eu dáballe a roda".

    Para darlle a forma a cerámica, a oleira traballaba cun anaco de madeira en forma de triángulo, chamado fanadoiro.

    As oleiras de Portomourisco - O Seixo, decoraban os cacharros, ás veces como reforzo, con cordóns enfeitados con depresións feitas cós dedos. Outras veces, con fins decorativos facían punteados, raias, líneas onduladas, rebaixes circulares, etc.

    Para as grandes cántaras, as oleiras precisaban dous tornos, posto que construían dúas pezas á vez, mentres unha delas adquiría consistencia, pasaban a outro torno e comezaban con outra. "Para darlle consistencia ás cántaras, prendíaselle lume a unhas uces e arrimábaselle".

    Ademais de facer os seus propios cacharros, as oleiras facían os doutras familias que non sabían manexar o torno, a cambio dun xornal. Que ás veces era comida, ou grao, ou outro tipo de semente. Según nos conta Xosé do Seixo, non era normal pagarlles en cartos senón que intercambiaban o seu traballo por cousas que lles eran precisas. Unha soa oleira podía chegar a facer 50 pezas ó día.

    Cocíase, sobre todo, nos meses do verán. Os fornos eran" toscos". Entre as pedras quedaban fendas por onde pasaba o lume. A altura da parede e o diámetro eran duns 170 cms. A boca do forno, de forma cadrada, estaba na parte máis baixa da parede. Polo lado oposto á boca, subía unha rampla que facilitaba o acceso ó forno. Os homes de cada casa ían buscar a leña precisa para a cocción dos cacharros, polos montes do contorno. "Facían falta dous carros de uces para cada fornada."

    Mentres duraba a cocción axudábanse uns aos outros. O enfornador, que era un home con experiencia, vixiaba a cocción e colocaba as olas. Empezábase a cocer moi cedo, primeiro con pouco lume durante unhas dúas horas, despois aumentábase a temperatura durante tres ou catro horas. Cando o lume saía por enriba do forno botábase borrallo ou terra para abaixalo. Cando os cacharros enrubiaban ou ó golpealos o seu son era fino, remataba a cocción. Ao día seguinte, retirábase toda a cerámica, que saía dunha cor castaña. Estas pezas co uso, vólvense negras, imitando, deste xeito, ó ferro, que era moi apreciado.

    Cóntanos a muller de Xosé: "O mellor era cando remataba a fornada, sacábanse as brasas para fora e poñíanse ao redor do forno, entón íamos todos correndo a asar patacas. ¡Que ben nos sabían! Facíamos casi unha festa.

    A COMERCIALIZACIÓN E A ÁREA DE INFLUENCIA.

    Como xa mencionamos as oleiras facían as olas principalmente para vender ou trocar cos veciños do propio pobo e dos pobos do contorno. Os homes que se decicaban a venda "se tiñan montura levaban os cacharros nela en grandes alforxas, pero os que non tiñan levábanos ao carrelo nunha especie de redes, os pobres. Antes era todo unha miseria. ¡ Canto había que traballar!"

    A DESAPARICIÓN DA OLERÍA DE O SEIXO E PORTOMOURISCO.

    Polos datos que nós poidemos recoller na desaparición da olería de Portomourisco e o Seixo influiron varios fáctores:

    Ao mellorar a calidade de vida, ninguén quería traballar o barro pois era algo moi custoso, realizaban esforzos enormes para sacarlle pouco proveito económico. Esto foi unha queixa común de todas as persoas coas que falamos. Por outra banda, coa chegada de novos materiais como eran o plástico, o zinc, e o ferro a prezos máis asequibles, as pezas de barro non tiñan mercado pois non podían competir con estes materiais, que eran menos pesados e máis resistentes. Cóntannos como se cambiaron camións de pezas de barro por esta nova ferramenta. Algúns anticuarios, ou os seus intermediarios, fixeron o negocio do século cando as pezas de barro deixaros de ser apreciadas.

    Por último, foi a desidia da administración a que conqueriu rematar por levar a estas cerámicas á desaparición, ao non potencialas, xa non como medio de subsistencia, pero si como unha mostra da cultura popular, ademais de polo seu propio interes artístico.

    Do mesmo xeito que copiamos moitas outras cousas que nos caen lonxanas, podiamos ter copiado exemplos máis cercanos como é o caso de Jiménez de Jamuz, Niñodaguia, Buño, etc.

    A CERÁMICA DE IMPLANTACIÓN DE RUBIÁ.

    AS SÚAS ORIXES LEONESAS.

    Rubiá atópase situada nunha antiga ruta comercial, seguida polos arrieiros berciáns, que atravesaban a Veiga da Cascallá por sendeiros de montaña. Santiago Fernández Mallo, fillo do anterior, o ultimo oleiro de Rubiá.

    En Rubiá establecéronse oleiros da zona de Jiménez de Jamuz (León), que se asentaron por falta de traballo na súa propia comarca. Introduciron as formas da súa comarca, adaptando a elas os gustos dos seus clientes e ó mesmo tempo, galeguizándose eles tamén.

    Pero curiosamente, mentres que en Jiménez de Jamuz, hoxe seguen traballando cinco oleiros máis o Museo Alfar, que conserva e fabrica todas as pezas tradicionais, en Rubiá esta cerámica desapareceu.

    Ao visitar o Museo Alfar de Jiménez de Jamuz sorprendeunos a semellanza non somentes da maioría das pezas, senón que o forno, o torno, o tratamento do barro eran prácticamente idénticos aos utilizados en Rubiá.

    Félix, o oleiro do Alfar Museo, relátanos que, en tempos, os galegos eran os seus mellores clientes; e como a súa influencia na venda dos cacharros facíaos fabricar a cántara do sulfato especialmente para a zona de Rubiá, ou unha ola que eles mesmos denominaban ola de Lalín. En Jiménez de Jamuz chegou a haber 170 oleiros, ao escasear a venda moitos deles emigraron á comarca de Valdeorras.

    Algunhas das pezas que se fabricaban en Jiménez de Jamuz nunca se chegaron a fabricar en Rubiá onde a cerámica parecía ter un carácter estrictamente utilitarista; así, mentres que algunhas das pezas de Jiménez de Jamuz decorábanse con pinturas sinxelas, de follas, flores ou raias, este tipo de decoración non se facía en Rubiá. Tampouco se fabricaba en Rubiá a famosa xerra trampa e o barril do cura típicos de Jiménez de Jamuz.

    De todos os xeitos, para calquera que se interese pola cerámica popular galega, Jiménez de Jamuz e un referente vivo do que puido ser e non foi a olería de Valdeorras. Alí apréciase a maxia que ten a construcción dun cacharro, a impresionante plásticidade do barro, as mans, o enorme esforzo que se agacha detras dunha peza de barro.

    O PROCESO DE FABRICACIÓN.

    Por sorte para nós, polo que respecta a cerámica de Rubiá, contamos coa testemuña viva de Santiago Fernández Mallo, o último alfareiro.

    Santiago chegou a Valdeorras, coa súa familia, cando tiña seis anos, procedente de Jiménez de Jamuz. O pai de Santiago era oleiro, ademais de traballar na cementeira de Toral de los Vados, no comezo da Guerra Civil foi ao paro polo que decidiu virse cos seus a Rubiá. Ao principio, traballaron para José como oleiros, "nós trouxemos este arte para Valdeorras."

    O alfar da familia Fernández, atopábase na zona alta de Rubiá, no lugar do "Lago". Hoxe o alfar está en ruinas e o forno caeu. Agora esa finca é propiedade doutros veciños. O barro, sacábano dun toxal e dun prado que tiñan arrendado. Tamén contaban cun xacemento comunal do concello na parte alta do pobo.

Santiago Fernández Mallo, na actualidade.    " En Rubiá había tres tipos de barro que usábamos por aquel tempo. Un forte para ligar as pezas mestras, un máis frouxo para que tomase ben a pintura de mínio, e outro case que areoso."

    " O verán era a época máis dura porque había que sacar o barro para que secase". " Todos os barros teñen que secar no verán para que despois se poida moldear ben. Si se fai cando están húmidos, póñense aterronados e non hai quen os traballe."

    Amasar o barro era unha das tarefas máis difíciles. "Primeiro hai que sobalo a man para facer unha gran bola que se tira no torno. Despois, tamén coa man, empezase a moldear a peza. É unha arte que require anos de aprendizaxe."

    O torno ou roda, estaba nun ángulo dunha habitación ou na bodega. A estructura da mesa do torno apóiase en catro pés. Ten un eixo de ferro, cunha altura entre as rodas duns 75 cms. A roda superior tiña un diámetro duns 30 ou 40 cms, e a inferior medía 1 metro aproximadamente. Santiago, di que tiñan dous tipos de tornos. Un cun rodal máis grande que era para as fontes, e outro para as pezas que tiñan menos base.

    Entre os útiles que se usaban para traballar o barro destacaban, a tiradeira, que era unha placa de madeira, semicircular, duns 10 cms. de diámetro; unha tira de coiro fino para refinar a ola; o recorteador que é unha placa de madeira de 10 cms ou máis de lonxitude, cun extremo cortado en bisel para quitar o barro sobrante e decorar. Nos alfares de Rubiá facíanse decoracións en forma de líneas ou ondulacións íncisas coa axuda do recorteador. Co recorteador podíanse facer punteados íncisos, ou picados, tamén depresións cando se colocaba plano sobor do barro. Nas asas en forma de saínte, acostumábase facer debuxos ondulados ou pequenos repicados co dedo.

    O vidrado facíase con galena ou con folla de chumbo de Linares. A maioría dos cacharros levan vidrado por dentro, e ás veces por fora.

    O forno "non é como o que se usa para cocer o pan. Ía pechado como unha habitación. Levaba dúas bocas, unha para tirar as uces para dentro; e a outra para colocar os cacharros, que teñen que ir todos boca abaixo e facendo cuña para que o lume purifique a pintura e a funda. O forno consumía en cada fornada máis de dous carros de uces e carqueixas, ou uns vintecinco feixes de leña."

    "Templar o forno levaba máis de dúas horas porque é unha operación que hai que facer pouco a pouco. Se o forno se quenta de súpeto, rachan as olas polo cambio tan forte da temperatura."

    "Poden ser máis de nove horas o que tarda en facerse unha fornada. Primeiro o barro ponse negro; despois branco como a neve; e ao fin colle esa cor vermella que teñen os cacharros."

    En Rubiá cada oleiro tiña o seu propio forno próximo ao lugar de traballo.

    COMERCIALIZACIÓN E ÁREA DE INFLUENCIA.

"Vendiamos ao detalle ou tamén á carga para os cacharreiros que viñan de pobos como Lentellais, Portomourisco, A Rúa. Para o Barco e A Rúa ¡ vendiamos carros e camións de cacharros! Moito dese material ía para Castilla e para o pobo do meu pai. Porque alí, en Castilla teñen un barro moi poroso, moi mantecoso e brillante. Pero o de aquí dura máis porque é máis areoso e consistente. Entón, vendíase moito nas feiras de León. Por aquel tempo viviamos deso."

    A SÚA DESAPARICIÓN.

    Sigue contando Santiago que deixaron de traballar o barro fai trinta e cinco anos.

    "O plástico foi unha ruina. O plástico rematou co noso oficio. Ao ver que non vendiamos nada, deixamos de traballalo."

    Para nós, as causas da desaparición total da cerámica de Rubiá foron as mesmas que as xa mencionadas no caso da cerámica do Seixo e Portomourisco, o plástico tivo moito que ver, pero no só foi o plástico...

    Cando a Asociación cultural "Vía Nova" inaugurou a exposición de cerámica popular de Vadeorras, Santiago estaba alí. Estivo moi atento durante toda a conferencia inaugural impartida polo Profesor García Alen. Así que este rematou, Santiago levantouse e falou alto e claro, como pedindo disculpas por deixar aquel traballo que levaba na alma, díxonos :"tiven que deixalo por que xa non nos daba para comer. A miña muller dicíame: ¡deixao, deixao! Deixeino. Pero denme un torno e estas mans son capaces agora mesmo de facerlle calqueira cousa, unha hucha, unha cantarilla do sulfato, o que queira."

    Mentres, sentada no público, a muller de Santiago choraba.

    AS FORMAS MÁIS CARACTERÍSTICAS DE PORTOMOURISCO E O SEIXO.

    As formas de Portomourisco e o Seixo son moi rústicas. Predomina a louza de forma ovoide, sen modificacións que poidan afectar a súa resistencia, con fortes asas. Facíase en borde curvo, volteado. Outras veces non se lle facía borde. A decoración das grandes pezas contribúen os propios reforzos. Ás veces, decorabánse non cun fin práctico, senón para aumentar o seu valor. As pezas pequenas decorabánse con picaduras, riscos, ricubeques ou ondas.

Os cacharros desta zona pódense clasificar según a súa forma,capacidade e amplitude da boca en varios tipos.

    CÁNTARAS E CÁNTAROS.

    As olas deste grupo teñen un deseño ovoide e ampla boca. Son as máis grandes e usábanse para conter líquidos.

  Cerámica de O Seixo e Portomourisco  As cántaras teñen todas unha forma ovoidal alongada, rematadas en forma de tronco de cono. Na súa parte baixa levan unha billa para poder extraer o líquido. Como reforzo das paredes ten uns relevos circulares chamados bíncalos. Poden ter un borde volteado ou ter pescozo. A construcción dunha destas cántaras facíase en catro etapas durante o día, pois tíñase que agardar a que endurecese unha parte para poder continuar con outra.

    O uso fundamental das cántaras era para conservar o viño; a boca tapábase cunha lousa de pizarra pegada ó borde con barro, ou ben, cun tapón de cortizo de sobreira. Pero tamén se gardaba nelas vinagre, pementos, aceite, etc.

    A cántara do mel era unha peza especial. O borde non está volteado como nás grandes; leva un relevo vertical saído, có fin de crear un círculo de auga ó redor do colo da cántara para que non entren as formigas. Ou para que o mel non se vertese.

    Os cántaros, tiñan unha capacidade aproximada de 16 litros. Os que tiñan exactamente esta capacidade, chamábanse cántaros de medida. A súa elaboración era moi coidada; sinalábanse cunha raia para diferencialos dos que non acadaban ou sobrepasaban os 16 litros. Estes últimos, usábanse para transportar auga, ou para o sulfato.

    Cando a capacidade dos cántaros era inferior ós 6 litros chamábanse cantariños ou cantariñas.

    A forma e a elaboración dos cántaros era igual que a das cántaras, soamente que estes eran máis baixos e de menor capacidade.

    PUCHEIRAS E PUCHEIROS.

    Son pezas de deseño ovoide con capacidade máis reducida que as cántaras e cántaros. Levan unha asa para facilitar o seu uso. Servían para levar líquidos e utilizábanse na cociña.

    A diferencia entre pucheira e pucheiro está en que as pucheiras son máis grandes e teñen máis boca que os pucheiros. Había pucheiras de varios tamaños, dende os 7 litros ata os 2 ou 3 litros. Utilizábanse para gardar o pingo, a graxa de porco, ou os chourizos en aceite. Os pucheiros, máis pequenos e coa boca máis reducida, empregábanse para gardar o vinagre ou como meleiras.

    CAZOLAS E CAZOLOS.

    Estas pezas son baixas, esferoidais e de colo pouco desenvolvido. A cazola ten asas e o cazolo non as ten, e é máis pequeno que a cazola.

    As cazolas usábanse para cociñar, para o pingo ou para gardar a manteiga do porco. Por isto tiñan unha tapa de barro. Os cazolos tiñan a mesma utilidade que as cazolas, excepto que non se usaban para cociñar.

    BARREÑON E BARREÑONA.

Son cacharros de forma troncocónica, con menor diámetro cara a base, e cun borde voado. Polo exterior levan varios bíncalos de reforzo. O barreñón e máis grande que a barreñona.

    A construcción dos barreñóns facíase por partes, igual que as grandes cántaras. Serven para preparar a zorza na matanza do porco. As barreñonas eran para mondar patacas, para lavar as verduras e para outros usos na cociña.

Cerámica de O Seixo e Portomourisco.    BARRIL E BARRILA.

    Estas son pezas co corpo entre esferoidal e ovoide, cunha base moi ampla, e que rematan por enriba nun estreito colo.

    Facíanse cunha soa asa ou con dúas asas. As de dúas asas eran para transportar o viño e as de unha asa eran para beber delas.

    No Seixo distinguían o barril dunha soa asa, máis pequeno, entre 2 e 1 litro, que era para a auga; e a barrila, con dúas asas, cunha capacidade entre 4 e 1 litros, só para o viño. Especial era a barrila do augardente, de forma igual as anteriores, pero a súa capacidade era entre 3/4 e litro.

    XARROS.

    Os xarros teñen forma ovoide continuada por un colo que se amplía cara a boca formando o bico, feito na mesma peza. A súa capacidade variaba entre 3 e 1/2 litro. Leva uns adornos na barriga feitos cun dedo envolto nun trapo mollado, chamados rebaixes ou molduras. Ten unha forte asa, cuns picados feitos cunha estela. Usábanse para beber ou servir o viño.

    CUNCAS.

    As cuncas no interior, teñen unha concavidade que se amplía ata o fondo, mentres que por fora descansan sobor dunha ancha base sen chegar a definir un pé. No borde exterior levan un rebaixe para beber mellor. Teñen unha capacidade de a 1/4 e l litro.

    Usábanse para tomar o caldo. Como toda a cerámica desta zona non levan vidrado.

    TARTEIRAS.

    Estas pezas son redondas, cun borde oblícuo, de barro sen area. Non ían ó lume. Utilizábanse para servir a comida nelas.

    VASOS.

    Os vasos usábanse para beber o viño, co fin de reservar as cuncas para tomar o caldo. Adornábanos con decoracións incisas.

    OUTRAS FORMAS.

    Había moitas outras cousas feitas co barro: chocolateiras, testos, xogos de café, xoguetes para os nenos, etc.

    AS FORMAS MÁIS CARACTERÍSTICAS DE RUBIÁ.

    As pezas que fabricaban os cacharreiros de Rubiá respostaban ós modelos propios da súa orixe, Jiménez de Jamuz. A variedade de formas foi moito menor que na comarca leonesa, por mor da economía e dos gustos das xentes daquela época. O caldo e as castañas eran a base da alimentación. O viño cultivábase pouco e bebíase só en ocasións. Os cacharros de Rubiá teñen influencias tamén da cerámica de Zamora. E distinguimos varias formas que podemos clasificar do seguinte xeito:

    CÁNTAROS.

Cerámica de Rubiá.    Había un cántaro con pescozo volto e un cántaro con pescozo alto.

    O cántaro con pescozo volto non leva asas, o seu corpo é ovoide cunha maior incurvación na parte alta, cara o colo, que se amplía nun borde que serve para agarralo. Non leva verniz. Utilizábase para levar auga. A súa capacidade era duns 12 litros.

    O cántaro de pescozo alto, leva asa, de corpo ovoide moi barrigudo, ten un colo recto cun relevo onde remata a asa. Utilizábase para transportar auga e como cantariña de sulfato. Levaba a parte alta vernizada no exterior.

    BARRIL OU PORRÓN.

    Ten a forma propia dos tradicionais porróns. Levaba unha forte asa, e un dos extremos máis fino para beber a chorro. Vidrábase a parte exterior só por enriba. Algúns destes porróns adornábanse, coa asa en forma de figuras de pequenos galos, serpes ou lagartos.

    GARRAFÓN PARA O VIÑO.

    Esta peza ten forma ovoide, cun estreito colo, con dúas asas de trazo sinusoide que rematan no colo. Enféitase por enriba da éntase da barriga co adorno dun cordón de barro, sobor do que o cacharreiro debuxa unhas depresións co recorteador. Serven para ter o viño na casa e hainos de varios tamaños.

    XARRO DO VIÑO.

    A súa forma resposta a un corpo esferoidal seguido dun colo non recto, pois incúrvase para pecharse no seu afinado borde. O bico fórmase cun pregamento na parede do colo. A asa oposta ao bico, marca un debuxo sinusoide. O xarro do viño está vidrado por dentro e por fora nun área irregular. Facíase en varios tamaños dende ata 6 e 8 litros.

    PUCHEIROS.

    Os cacharreiros de Rubiá diferenciaban os pucheiros dos xarros en que o pucheiro ten o colo ancho, o borde groso, non leva bico, e a asa arrinca dende o borde do colo.

    Había moitos tipos de pucheiros, os máis correntes eran os do leite, de capacidade entre 1/2 e 2 litros, non ían ó lume. Había os que ían ó lume para quentar o leite, ou o caldo. Tamén se utilizaban para gardar a manteiga, o leite e outros líquidos.

    BARREÑÓNS.

    Os barreñóns facíanse en varios tamaños. O máis grande empregábase na época da matanza dos porcos, ou para fregar louza na cociña. Facíanse de grosas paredes, de forma troncocónica, e borde volto, con asas. Adornábanse cunha raia o con picados feitos co recorteador. Variaban no seu diámetro, pero non na altura que era semellante en todos.

    CAZOLA DO CALDO.

    É unha forma moi rústica cun pé macizo, de forma hemisférica pero torneada ata o pé, onde se estreita. Tende a pecharse na boca. E leva unha depresión ou suco baixo o borde. Vidrada por dentro. Tiña unha capacidade dun litro, era para tomar o caldo ou o leite.

    TARTEIRAS FONTES E OUTRAS FORMAS.

    As tarteiras estaban feitas sempre cunha mestura de barro con area, para poder ir ó lume. As fontes podían estar feitas con area ou sen ela.

   Cerámica de Rubiá. As tarteiras son de paredes lixeiramente convexas seguidas por un suco que lembra un colo, despois leva un borde. Ten dúas asas abertas e vidrado interior ata o borde. Facíanse de varios tamaños, ata individuais que podían non levar asas. Usábanse para guisar ou cocer alimentos.

    As fontes son moi parecidas ás tarteiras pero podían ir ou non ir ó lume, para diferencialas destas poñíaselles unha agarradeira a carón do borde. Serven tanto para cociñar como para comer nelas, anque podían ter outras utilizacións nas cociñas.

    Ademais das formas xa descritas había moitas outras, como pratos, botellas dos pés, sopeiras, ánforas, huchas, funís, xoguetes, etc.

============================================

BIBLIOGRAFÍA:

García Alén, L. "La Afarería de Galicia." Ed. Fundación Pedro Barrié de la Maza.

Beiras Torrado, X.M. "O atraso económico da Galiza." Ed. Laiovento. Santiago de Compostela,1.995.

Barreiro Fernandez, X.R. "Historia Contemporanea de Galicia." Ed. Gamma. A Coruña, 1.984.

Lisón Tolosana, C. "Antropología cultural de Galicia." Ed. Akal. Madrid, 1.979.

Rodríguez Galdo, M.X. e Dopico F. "Crisis agrarias y crecimiento económico en Galicia en el siglo XIX." Ed. Do Castro. A Coruña, 1.981.


Subir

Volver

Volver a Principal